EDIAT

EDIAT

Equipo de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá

O primeiro servizo que se creou na Asociación foi o Servizo de Fisioterapia, en 1995, dirixido a nenos de 0 a 16 anos. En 2005, coa incorporación da figura do terapeuta ocupacional, créase o Equipo de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá (EDIAT), que presta apoio especializado ó desenvolvemento dos nenos e nenas con trastornos no seu desenvolvemento ou risco de padecelo, ás súas familias e ó entorno.

Os nenos que acoden a tratamento neste servizo distribúense en dous grupos de atención:

  • 0-6 anos: nenos con trastornos no seu desenvolvemento, ou risco de padecelo, e as súas familias.
  • 6-16 anos: nenos con discapacidade recoñecida legalmente (certificado de discapacidade) e as súas familias.
Equipo de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá
Equipo de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá

A atención que se presta dende o EDIAT inclúe

ATENCIÓN INDIVIDUALIZADA

Inclúe intervencións de fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía e outras. As sesións poden ser individuais ou grupais, e a metodoloxía empregada nas mesmas, así como a súa duración e frecuencia, dependen das características de cada neno e dos obxectivos específicos da intervención planificada.

PROGRAMA DE TRANSICIÓN Á VIDA ADULTA (PTVA)

Programa destinado a adolescentes de entre 14 e 16 anos, dirixido a enfocar a transición dende o noso servizo a outros recursos públicos ou privados, apoiando e preparando ó usuario e á súa familia para o proceso de saída.

ASESORAMENTO EN ADAPTACIÓN FUNCIONAL DO ENTORNO E PRODUTOS DE APOIO

É importante destacar a necesidade de mellora dos espazos nos que o neno desenvolve as súas actividades, para proporcionar un recurso indispensable que favoreza a independencia e autonomía persoal dos nenos. Desde o EDIAT realízanse visitas domiciliarias e escolares, para valorar in situ a necesidade e a posibilidade de realizar unha adaptación funcional dos ámbitos onde o neno pasa a maior parte do seu tempo. Coa información recollida nas visitas realizarase o asesoramento oportuno, que inclúe as medidas a tomar, os recursos necesarios e información sobre materiais, dispositivos, custos, empresas, etc. Realízanse ademais tarefas de valoración e asesoramento sobre a necesidade e forma de utilización de produtos de apoio coa intención de mellorar a independencia do neno.

ATENCIÓN ÁS FAMILIAS

A atención ás familias inclúe diversas accións:

  • Atención individual: consta de atención psicolóxica, entrevistas, orientacións, asesoramento e apoio, en función das necesidades da familia, así como da intervención planificada para o neno.
  • Derivación a outros profesionais, cando se valore que a familia necesita unha atención que non se pode ofrecer desde o servizo.
  • Outras actividades: trátase de accións xerais para todas as familias da asociación (accións formativas e divulgativas, ocio, etc.). Ver Atención ás Familias.
  • COORDINACIÓN CO ENTORNO: resulta necesario establecer unha adecuada coordinación cos servizos e profesionais que están en contacto co neno e a súa familia: educación, sanidade, servizos sociais, etc., así como con outros recursos do entorno, relacionados especialmente co ocio (ludotecas, actividades extraescolares, etc.), a través de reunións ou doutras formas de contacto (teléfono, mail, informes).  Neste aspecto, cabe destacar a coordinación co SAT (Servizo de Atención Temperá), do Concello de Noia, servizo co que se traballa moi estreitamente na atención ós nenos e ás familias.  Tamén realizamos derivacións a diversos servizos, cando non podemos dar resposta ás necesidades do neno ou da familia.
  • SEGUIMENTO: En ocasións, existen casos nos que non se realiza unha intervención especializada, ben porque non é necesaria, ben porque non é posible: longos desprazamentos, situación laboral da familia, idade do neno (en nenos maiores de 6 anos é necesario o certificado de discapacidade), etc. A través de citas periódicas, de frecuencia variable segundo o caso (mensuais, trimestrais, etc.), efectúanse revisións do estado do neno, e propóñense orientacións para apoiar a súa evolución.
Ir al contenido