O 16 de xuño de 1993, a raíz da unión de pais dos nenos que acudían ó STAND (Servizo de Tratamentos a Nenos con Discapacidade), do Concello de Noia, constituíuse a Asociación de Pais do STAND, coa finalidade de dar ó neno con discapacidade o completo benestar físico, psíquico e social.

                                                                 

 

 

Ó longo dos anos , a entidade evoluciona cara á atención das persoas con discapacidade, tanto nenos como adultos, a través de servizos especializados.

 

No ano 2012, para dar un impulso á labor da entidade e aumentar a súa visibilidade social, a Asociación de Pais do STAND cambia de nome, denominándose a partir dese momento MISELA Asociación de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros.

A Asociación MISELA é unha entidade sen ánimo de lucro, cos seguintes rexistros e inscricións:

       Inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións con data 28 de outubro de 1993, con número 3465/1ª.

       Inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais con data 24 de marzo de 1995, con número E-0794.

       Declarada de Utilidade Pública, por orde autonómica do 16 de novembro de 2010.

 

Os obxectivos estatutarios da Asociación son:

-          Promover a autonomía e a integración das persoas con discapacidade no ámbito familiar, escolar, social e laboral.

-          Potenciar a utilización e a busca dos recursos necesarios para unha mellor atención da persoa con discapacidade ou neno con risco de padecela.

-          Prestar asesoramento e atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias ou titores.

-          Defender os dereitos do neno e da persoa con discapacidade en xeral.

-          Prevención de posibles discapacidades.

-          Fomentar a inclusión laboral das persoas con discapacidade.

-          Promover a actividade cultural, a práctica deportiva e a actividade física nas persoas con discapacidade.

 

Os obxectivos da Asociación lévanse a cabo na actualidade a través dos seguintes servizos de atención á persoa con discapacidade, desde a súa infancia ata a idade adulta:

 

  •  EDIAT (Equipo de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá): ofrece servizos a nenos con trastornos no seu desenvolvemento ou risco de padecelos dende os 0 ata os 6 anos, e a nenos con discapacidade recoñecida dende os 6 ata os 16 anos.

 

  •  Centro Misela: servizo de atención diúrna para persoas con discapacidade maiores de 16 anos. Inclúe:

Centro de Día Misela: destinado a usuarios con necesidades de apoio extenso e xeneralizado e/ou en situación de dependencia.

Centro Ocupacional Misela: destinado a usuarios con certa autonomía, que precisen dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, social, terapéutico e ocupacional.

 

  • Servizo de Promoción da Autonomía Persoal (PAP): dirixido a persoas con discapacidade física, intelectual ou mixta maiores de 16 anos. Trátase dun programa levado a cabo por un equipo interdisciplinar.

O ámbito de actuación da Asociación comprende os concellos das comarcas de Noia e Muros, aínda que en casos excepcionais aténdense a persoas con discapacidade procedentes doutros concellos cercanos.

 

A nivel autonómico, a Asociación MISELA é membro de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade).