EQUIPO DE DESENVOLVEMENTO INFANTIL E ATENCIÓN TEMPERÁ (EDIAT)

 

O primeiro servizo que se creou na Asociación foi o Servizo de Fisioterapia, en 1995, dirixido a nenos de 0 a 16 anos. En 2005, coa incorporación da figura do terapeuta ocupacional, créase o Equipo de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá (EDIAT), que presta apoio especializado ó desenvolvemento dos nenos e nenas con trastornos no seu desenvolvemento ou risco de padecelo, ás súas familias e ó entorno.

Segundo o Libro Branco da Atención Temperá, enténdese por Atención Temperá o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e ó entorno, que teñen por obxectivo dar resposta o máis pronto posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou que teñen o risco de padecelos.

 

Baseándose nesta definición, a prioridade de tratamento sitúase nesta etapa, pero tendo en conta a necesidade de actuación na área das minusvalideces en nenos maiores de 6 anos, prolóngase a atención ata os 16 anos.

 

Así, os usuarios do EDIAT distribúense en dous grupos de atención:

  • 0-6 anos: nenos con trastornos no seu desenvolvemento, ou risco de padecelo, e as súas familias. É o que se coñece como Atención Temperá.

 

  • 6-16 anos: nenos con discapacidade recoñecida legalmente (certificado de discapacidade) e as súas familias. Se non teñen certificado de discapacidade, oriéntase no xeito de obtelo.

 

A atención que se presta desde o EDIAT inclúe:

 

1. Atención individualizada

 

Inclúe intervencións de Fisioterapia e Terapia Ocupacional.

A metodoloxía empregada nas sesións individuais, así como a duración e frecuencia das mesmas, dependen das características de cada neno e dos obxectivos específicos da intervención planificada.


 

 

2.  Programa de Transición á Vida Adulta (PTVA)

 

Trátase dun programa de atención grupal dirixido a promover nos adolescentes con discapacidade a adquisición das habilidades necesarias para o desenvolvemento dos roles propios do adulto.

 

O programa está pensado para persoas con discapacidade de entre 12 e 16 anos, para as cales non existen programas específicos que faciliten a preparación global á vida adulta.

 

3. Terapia no medio acuático

 

A finalidade é aproveitar os efectos terapéuticos do auga para conseguir os obxectivosderivados da valoración realizada a cada neno. As sesións son individuais, cunha duración que depende das características persoais e funcionais de cada neno, non superando os 45 minutos. A actividade é levada a cabo pola fisioterapeuta do equipo.

 

4. Asesoramento en adaptación funcional do entorno e produtos de apoio

 

É importante destacar a necesidade de mellora dos espazos nos que o neno desenvolve as súas actividades, para proporcionar un recurso indispensable que favoreza a independencia e autonomía persoal dos nenos. Desde o EDIAT realízanse visitas domiciliarias e escolares, para valorar in situ a necesidade e a posibilidade de realizar unha adaptación funcional dos ámbitos onde o neno pasa a maior parte do seu tempo. Coa información recollida nas visitas realizarase o asesoramento oportuno, que inclúe as medidas a tomar, os recursos necesarios e información sobre materiais, dispositivos, custos, empresas, etc.

Realízanse ademais tarefas de valoración e asesoramento sobre a necesidade e forma de utilización de produtos de apoio coa intención de mellorar a independencia do neno, contando coa axuda dun pequeno catálogo de utensilios adaptados para as actividades da vida diaria, para ensinarllos á familia e aconsellar a adquisición dos que sexan necesarios.

A responsable do asesoramento é a terapeuta ocupacional.

 

5. Coordinación e derivación a profesionais de Educación, Sanidade e Servizos Sociais, destacando a coordinación mantida co STAND (Servizo de Tratamentos a Nenos con Discapacidade), do Concello de Noia, servizo co que se traballa moi estreitamente na atención ós nenos e ás familias.

Tamén se realizan accións de seguimento, para apoiar o desenvolvemento daqueles nenos e nenas nos que non é necesaria ou posible unha intervención especializada, polo que calquera familia pode contactar con nós se ten preocupacións polo desenvolvemento do seu neno o nena.