O 16 de xuño de 1993, a raíz da unión de pais dos nenos que acudían ó STAND (Servizo de Tratamentos a Nenos con Discapacidade), do Concello de Noia, constituíuse a Asociación de Pais do STAND, coa finalidade de dar ó neno con discapacidade o completo benestar físico, psíquico e social.
Ó longo dos anos, a entidade evoluciona cara á atención das persoas con discapacidade, tanto nenos como adultos, a través de servizos especializados.
No ano 2012, para dar un impulso á labor da entidade e aumentar a súa visibilidade social, a Asociación de Pais do STAND cambia de nome, denominándose a partir dese momento MISELA Asociación de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros.
En 2015 créase un novo servizo para adultos, o Centro de Atención á Persoa con Discapacidade en Noia, contando con 15 prazas de centro de día para persoas con discapacidade e 15 prazas de centro ocupacional.

A asociación MISELA é unha entidade sen ánimo de lucro, cos seguintes rexistros e inscricións:
- Inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións con data 28 de outubro de 1993, con número 3465/1ª.
- Inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais con data 24 de marzo de 1995, con número E-0794.
- Declarada de Utilidade Pública, por orde autonómica do 16 de novembro de 2010.
En 2012 a Asociación Misela obtén o certificado de calidade ISO 9001 (Sistema de Xestión de Calidade).
Os obxectivos estatutarios da Asociación son:
- Promover a autonomía e a integración das persoas con discapacidade no ámbito familiar, escolar, social e laboral.
- Potenciar a utilización e a busca dos recursos necesarios para unha mellor atención da persoa con discapacidade ou neno con risco de padecela.
- Prestar asesoramento e atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias ou titores.
- Defender os dereitos do neno e da persoa con discapacidade en xeral.
- Prevención de posibles discapacidades.
- Fomentar a inclusión laboral das persoas con discapacidade.
- Promover a actividade cultural, a práctica deportiva e a actividade física nas persoas con discapacidade.
O ámbito de actuación da Asociación comprende Noia, Lousame, Outes, Porto do Son e Muros, aínda que en casos excepcionais aténdese a persoas con discapacidade procedentes doutros concellos cercanos.